Tuesday 07 de May de 2024

Paderne pon en marcha o arranxo da súa piscina municipal para reabrila no verán do 2024


 Nunha primeira fase, os traballos inclúen a limpeza e renovación dos elementos do vaso e o seu perímetro, así como os amaños no tellado e paredes dos vestiarios.

 Tras estas actuacións iniciais, cofinanciadas por unha subvención autonómica e fondos propios, o Concello de Paderne adecuará a contorna para ofrecer un servizo óptimo á súa veciñanza na reapertura da instalación.

A reapertura da piscina municipal de Paderne xa está en marcha. O Concello padernés puxo en marcha desde finais da pasada semana a reforma da instalación, que inclúe nunha primeira fase un completo traballo de limpeza e renovación do vaso da piscina e do seu perímetro. Neste último espazo modificarase o material para apostar por un chan máis seguro, que evite resbalones e cortes.
A maiores, dentro desta actuación tamén está incluída unha reforma dos vestiarios, un servizo esencial. Na actualidade, a edificación que serve para mudarse e ducharse ten deficiencias no seu teito e nas paredes. O tellado será modificado e no interior levará a cabo un labor de mantemento importante que cristalizará, sobre todo, co pintado das paredes.

O prazo de execución previsto para estes traballos é de dous meses e será financiado tanto con fondos propios como por unha subvención autonómica á que o Concello de Paderne concorreu.
Esta obra da piscina permitirá reabrir as instalacións para uso e goce dos paderneses e padernesas catro anos despois do seu peche. O recinto tivo que ser pechado de maneira forzosa durante o 2020 polo coronavirus. Este último verán, xa sen restricións, o goberno dirixido por Sergio Platas pretendeu reabrilo, pero a piscina atopábase nun estado de deterioración que facía imposible ofrecer un bo servizo á veciñanza. Deste xeito, o executivo municipal puxo en marcha a maquinaria para comezar uns traballos que finalizarán a inicios do 2024, xusto a tempo para que a instalación volva abrir as súas portas no verán do próximo ano.

Previamente á citada reapertura, o Concello de Paderne levará a cabo unha segunda fase de traballos para adecuar a contorna da piscina, que conta con mobiliario para comer e espazo verde.